A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca a oferta de prazas xuvenís dentro da programación da Campaña de verán, e ofrece a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre de verán participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo. Quendas de entre 5 e 12 días durante os meses de xullo, agosto e setembro de 2025.
A convocatoria inclúe:
A. Prazas polo procedemento xeral nas catro provincias galegas
B. Minicampamentos Coñece Galicia nas catro provincias
C. Prazas reservadas para inclusión
D. Intercambios noutras comunidades autónomas (País Vasco, Estremadura, Castela e León, A Rioxa, Madrid, Castela-A Mancha e Cantabria)
As persoas participantes nas actividades disporán dos seguintes servizos:
- Programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial.
- Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil, campamento xuvenil ou aloxamento turístico.
- Manutención en réxime de pensión completa.
- Material necesario para o desenvolvemento da actividade xuvenil.
- Equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Para o caso das persoas con discapacidade disporase de persoal que conte coa formación e experiencia necesarias para atendelas.
- Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
- No caso de intercambios noutras comunidades autónomas, o transporte desde Santiago de Compostela, que será o punto de saída, ata o lugar de destino do intercambio, así como o retorno ata o mesmo punto de saída.
Inscricións:
Dende o 02/05/2025 ata o 15/05/2025. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Entre 92,50 e 284,50 euros según a actividade escollida.
Descontos: 50% con título de familia numerosa, familias monoparentais e familias acolledoras. As persoas usuarias do Carné Xove gozarán dun desconto do 25 %. Os descontos en ningún caso serán acumulables.
Requisitos:
- Persoas mozas residentes en Galicia de entre 9 e 17 anos.
- O/a menor solicitante deberá ter expedido e en vigor o DNI ou NIE na data de presentación da solicitude.
- As persoas nacidas no ano 2016 deberán ter 9 anos ao inicio do campamento e as persoas nacidas no ano 2007 non poderán facer os 18 anos antes da finalización do campamento.
- Non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
- Para os campamentos que inclúan na súa programación actividades acuáticas, é requisito saber nadar.
- Ningunha persoa participante poderá ser admitida en máis dun campamento nesta convocatoria. A praza adxudicada será intransferible.
- As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán facer constar esta circunstancia na epígrafe que figura no anexo de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisa. En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar.
- As persoas mozas con discapacidade poden decidir sobre a modalidade de participación a que desexan optar: procedemento xeral, minicampamentos, intercambios ou o procedemento das prazas reservadas de inclusión.
Páxina web:
https://xuventude.xunta.gal/gl/accion-de-veran
Contacto:
Dirección Xeral de Xuventude. Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, planta 0, 15781 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881 99 90 25/ 981 54 52 93/ 881 99 93 14/ 981 54 01 22
Departamento Territorial da Coruña. Servizo de Xuventude e Voluntariado
Espazo Amizar. Rúa Gregorio Hernández, 2-4. A Coruña
Teléfonos: 881 88 12 38/ 881 88 12 39/ 881 88 12 40/ 881 88 12 41
Publicación: DOG 30/04/2025
Sede electrónica (sede.xunta.gal) Procedemento BS303A
Ningún comentario:
Publicar un comentario